ABERTO PRAZO ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE INSTALACIÓN DE GAS EN LUINTRA

Segundo publicaba hoxe La Voz de Galicia a empresa «Gas Galicia» planea instalarse en 16 concellos ourensáns para suministrar aos núcleos urbáns de gas natural. Entre estes concellos atópase o de Nogueira de Ramuín.

O proxecto en concreto no noso caso consistirá na instalación dun depósito de almacenamento de gas de 60 metros cúbicos na parcela de referencia catastral 32053A03900120 situada en Luintra. A rede de distribución terá o seu inicio neste módulo, desde o cal partirá un eixe principal que posteriormente se dividirá en diferentes ramais de menor diámetro para cubrir axeitadamente a demanda de gas das diferentes áreas do núcleo urbano, empregando tubaxe de polietileno. O nivel de presión que se adopte elixirase tendo en conta parámetros como o tipo de consumo que se vai subministrar ou o número total de clientes potenciais. O orzamento ascenderá á contía de 264.133 €. (Información extraída do DOG nº80 do 29 de abril de 2015).

Dende hoxe ábrese un prazo de 20 días para que os posibles afectados poidades presentar alegacións ao proxecto de autorización administrativa. Para máis información acerca deste asunto recomendamos preguntar no concello ou achegarse á Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria (rúa Curros Enríquez, 1, 4º, 32003 Ourense) onde se poderá examinar.

Deixámosvos eiquí o plano da ubicación da parcela (marcado cunha cruz e fondo rosa) onde supostamente se instalará o depósito de gas que suministrará aos veciños interesados e do que partirán varios ramais:

captura sixpac parcela gas

Fonte: Sede Electrónica do Catastro e Visor SixPac

CRÓNICA DO PLENO DO CONCELLO DO 24 ABRIL 2015

O pasado venres 24 de abril, celebrouse no noso concello un «pleno extraordinario» no que o primeiro que chamaba a atención era a súa extensa orde do día (incluíndo a proposta para a aprobación de varias concesións de servizos) sobre todo tendo en conta que estamos a un mes da celebración das eleccións municipais…
Outra cousa sorprendente foi que o salón de plenos case se queda pequeno pola grande afluencia de público asistente, entre o que se atopaba ata o ex-alcalde, varios veciños e algúns traballadores do concello… ¡Así tiña que ser sempre! non coma nos anteriores que estabámos tres na sala… A nós parécenos moi importante que a xente acuda aos plenos sempre que poida, posto que neles tómanse decisións que nos repercuten a todos.

Sobre algúns dos puntos que se trataron que nos pareceron relevantes:

– Aprobouse a liquidación de contas do 2014, a favor tódolos concelleiros do PP, en contra as concelleiras de PSOE e BNG. Do 2014 eran os pagos das facturas que a sra.secretaria autorizou supostamente ás súas propias empresas.

– Acordouse nomear fillo predilecto a D. Félix Rodríguez Domínguez, fundador de FERAMA, votos a favor PP e PSOE, abstención BNG.

– Aprobouse unha prórroga por 10 anos para a xestión da auga a GESECO, a favor tódolos concelleiros do PP, en contra as concelleiras da oposición. O Alcalde alabou a xestión que está a facer esta empresa co servizo de augas do concello, motivo polo que votaron prorrogar o contrato. A concelleira do PSOE en base aos datos do informe técnico indicou que tal prórroga xa fora acordada polo Alcalde fai un ano cun representante da empresa, feito que segundo comentou, podería ser unha ilegalidade, posto que tal decisión tiña que terse tomado en pleno xa na data e ter licitado o concurso. De ahí os seus votos en contra.

– Aprobouse a caducidade do expediente do pantalán do catamarán, que nestos momentos está sendo obxecto dunha investigación xudicial por suposto amaño no concurso (ver a información premendo eiquí).

– A sra. concelleira do PSOE presentou unha moción na que pedía transparencia no concello que foi votada en contra.

Ao final do pleno a sra.secretaria do concello recoñeceu que a información que saíra na prensa sobre ela e as facturas autorizadas era verdade, pero matizou que os datos económicos non eran os exactos (Premede eiquí para ler a nota de prensa da que falamos).
O dito, foi un pleno moi interesante que reflexou claramente cómo funciona o noso concello.
¡ANIMÁMOSVOS A TODOS A ACUDIR AO PRÓXIMO!

PLENO EXTRAORDINARIO VENRES 24 ÁS 9:30 HORAS

Convocado Pleno Extraordinario do Concello para este venres 24 de abril ás 9:30 horas.

Animámosvos a tódolos veciños e veciñas de Nogueira de Ramuín a asistir!!!!!

Orde do Día:

1º Acta anterior.

2º Dar conta do período medio de pagamento a proveedores 3º e 4º trimestre.

3º Dar conta da remisión datos seguimento Plan de Axuste.

4º Liquidación 2014.

5º Dar conta dos informes de morosidade do ano 2014.

6º Nomeamento fillo predilecto D. Félix Rodríguez Domínguez.

7º Aprobación modificación Estatutos Mancomunidade de Concellos de Ourense.

8º Convenio: Delegación de inspección de tributos.

9º Prórroga contrato xestión auga de xestión de servizo público.

10º Concesión caseta de información turística.

11º Expediente pantalán: caducidade.

12º Moción que presenta a Sra. concelleira do PSdG-PSOE na data 10/04/2015.

13º Padróns cobratorios 2015.

14º Decretos 2014.

 

ENTREVISTA AO TENIENTE ALCALDE SOBRE «TURISMO FLUVIAL E NATUREZA» en Nogueira de Ramuín

O pasado xoves o Teniente Alcalde de Nogueira, Raúl Soto, participou nunha interesante entrevista no programa «La Ventana de Ourense» de Radio Ourense Cadena Ser impulsado polo Polígono Virtual de Galicia sobre «Turismo de natureza e fluvial» xunto cos Alcaldes de Parada de Sil e Castrelo de Miño, Francisco Majide e Xurxo Rodríguez, coincidindo coa declaración do Concello de Parada como «municipio de interese turístico galego» pola Xunta, unha condición coa que xa contaba Nogueira de Ramuín. Os dous concellos, como xa sabedes, forman parte do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e comparten a nivel turístico bastantes puntos fortes en común.

No que respecta a Nogueira, o Teniente Alcalde salientou na entrevista as «dúas xoias» turísticas coas que contamos no Concello como son o Parador de Santo Estevo e o catamarán do Sil. En canto ao uso das tecnoloxías para a captación de novos turistas, Raúl Soto recoñeceu que nese ámbito, o Concello está bastante «floxo» (sobre todo en comparación cos outros concellos). Simplemente «contamos coa Oficina Virtual do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra (que é tamén cousa dos demáis municipios do Consorcio) que moita xente nin sabe da súa situación, nin existencia, nin como se usa» segundo dixo. En canto aos proxectos de futuro, resaltou que habería que dar a coñecer e manter esta Oficina Virtual, e apoiou a idea que propuxo o Alcalde de Parada de traballar de forma conxunta para facer do catamarán como un autobús turístico con paradas, que permitan que as experiencias queden nos establecementos da zona. O teniente alcalde dixo ademáis que él «nota que a xente ven, e en dous horas pode marchar tranquilamente». De maneira que, o importante para Concello agora sería «potenciar as 3-4 cousas que temos e darlles contido».

Os representantes políticos dos tres Concellos coincidiron ademáis en que as novas tecnoloxías son CLAVE para o turismo das distintas zonas, sobre todo no caso de Nogueira e Parada tendo en conta a aposta que se está a levar a cabo en ambos lugares pola declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Como opinión persoal de ADN, vista e escoitada a entrevista, dicir que, polo que a nós respecta, pensamos que hai moitas máis cousas no Concello que 3 ou 4 dignas de ter en conta, e que poderían ser un reclamo turístico importante para Nogueira. Coincidimos eso sí na idea de que, é totalmente necesario apostar polo uso de novas tecnoloxías e colaborar con outros Concellos coma neste caso o veciño de Parada para impulsar conxuntamente o turismo da zona.

E vós, ¿ Qué opinades do Turismo en Nogueira? ¿Qué cousas credes que se poden mellorar neste ámbito?

Deixámosvos eiquí o vídeo da entrevista para que poidades valorar e dar a  vosa opinión:

CARTA DUNHA VECIÑA DA RIBEIRA: ¡O NOSO CONCELLO PODE SER MELLOR!

Deixámosvos eiqui un e-mail que recibimos esta mañá dunha veciña da ribeira de Nogueira de Ramuín á que agradecemos as súas verbas que nos fixeron especial ilusión porque veñen a recoller a idea coa que naceu este grupo e este blogue:

Quería darvos as grazas por crear este espazo de reunión «virtual» entre tódolos veciños do concello.

Eu sinto que estamos divididos en dous: os da montaña e os da ribeira. E entre nós non coñecemos qué recursos, qué patrimonio…ou qué necesidades teñen os outros, e esto fainos débiles.

Para ser un concello forte temos que coñecernos, aunar forzas e loitar xuntos por aquelas cousas que poden facer que vaimos para adiante.

Temos que lograr que os que queremos vivir no e do concello o poidamos facer, e conseguir que veña xente, temos que  romper as estadísticas de despoboación. ¡Nós temos moitísimo que ofrecer!

¡¡¡O NOSO CONCELLO PODE SER O MELLOR¡¡¡

Como ben dí, o noso concello pode (e debe) ser mellor, e precisamente ese é o noso obxectivo!! Invitámosvos a tod@s a enviarnos tamén as vosas cartas ou opinións, a compartir connosco as vosas inquedanzas (amigosdenogueira@gmail.com) ou todo o que queirades. Graciñas por participar! ¡Por Nogueira de Ramuín!

Saúdos e a pasar bo domingo! 🙂

IMG_4897