PLENO 27 ABRIL 2016: APROBADAS MOCIÓNS DA XUNTANZA NA CARBALLEIRA

O pasado 9 de xaneiro celebrouse como xa sabedes unha xuntanza informativa, na que veciños e veciñas de A Carballeira e Viñoás, expuxeron e debateron algunhas das necesidades da zona. Dende ADN adquirimos aquel día o compromiso de intentar que foran levadas a Pleno para buscarlles solucións. 

No último Pleno ordinario do mércores 27 de abril dende a oposición presentáronse as seguintes mocións: 

AUGA: DEPURADORAS E SUMIDOIROS

Solicitouse que dende o Concello, como ente responsable da competencia de abastecemento de auga potable a domicilio e evacuación e tratamento de augas residuais, realice un control por parroquias do cumprimento do prego de condicións da empresa xestora GESECO, e se redacte un informe ao respecto. Ademáis, que se esixa a esta empresa adxudicataria que cumpra co pactado ou se proceda a resolución do contrato.

ARRANXO DA ESTRADA N120A

Solicitouse que se inste ao MOPU (Ministerio de Obras Públicas) a que faga obras de conservación e mantemento necesarias para manter a estrada N120A en condicións de seguridade para os usuarios.

INTERNET e TELEVISIÓN

Pediuse que o Concello se poña en contacto coa Oficina Técnica da TDT de Galicia (organismo responsable do sinal de TV) para que veñan os técnicos as zonas afectadas de Nogueira de Ramuín, coma pode ser o caso de Casdecid, a realizar as medicións e estudos oportunos, se redacte un informe e se estuden as posibles solucións a estas deficiencias no servizo.

Para o tema de Internet, solicitouse que dende o Concello se faga un estudo das zonas que non teñen acceso á rede, ou nas que a conexión é deficiente e se presente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para que este organismo tome medidas e  garantice a cobertura de banda ancha de calidade no noso municipio.

Estas tres mocións foron debatidas, e finalmente APROBADAS POR UNANIMIDADE. 

Agora resta que se leven a cabo tal e como se comprometeron neste pleno. 

Pola nosa parte dende ADN, dicir que seguiremos a traballar en pro das necesidades de todos e informar das situacións, actividades, eventos, etc. do noso concello na medida das nosas posibilidades. Xa sabedes que estamos abertos a calquera suxerencia ou cuestión.

Saúdos!