Carballeira

A Carballeira atópase na parte oeste do concello de Nogueira de Ramuín, lindando coa marxe esquerda do río Miño, coas parroquias de Viñoás, Nogueira e Faramontaos e co concello de Pereiro de Aguiar.

Almorfe, Barxela, Buzaxe, Carballeira, Casares, Casdecid, Casdosteo, Caxuxeto, Celeiros, Covelas, Nespereira, Pena, Pousada, San Vicente, Santa Xusta, Seara do Río, Souto de Chao, O Val, Vilanova e Zumento son as aldeas que a compoñen.

Aínda que o nome da parroquia é San Xosé da Carballeira as festas patronais celébranse a terceira (ou cuarta, se o domingo cada a día 1) semana de setembro en honor á Virxe dos Remedios.

Como elementos patrimoniais máis importantes destacan os pazos de Celeiros e Seara do Río así como a Capela e o Penedo de Santa Xusta.

PAZO DA SEARA

O Pazo da Seara atópase situado en San Xosé da Carballeira, rodeado de prados e árbores e sen relación inmediata con ningún núcleo de poboación da parroquia. A data de construción está fixada no ano 1717 e a familia Ulloa Somoza é a súa fundadora, como indica unha inscrición labrada na fachada. A entrada principal do edificio está orientada ao S.O., presentando toda a edificación unha planta en forma de U, con patio interior rectangular pechado cara o exterior por un grande muro de pedra. A capela, que contén no seu interior tres interesantes retablos barrocos, está integrada no edificio e sinálase por unha espadana sobre o tellado. No lugar existe unha lenda segundo a cal este pazo foi edificado coa pedra do Mosteiro de San Vicenzo, situado nunha aldea próxima pertencente á mesma parroquia.

PAZO DE CELEIROS

O Pazo de Celeiros atópase situado en San Xosé da Carballeira, rodeado por ladeiras moi pendentes, reforzadas por calzadas onde medran as cepas, prolongadas por un monte frondoso de carballos e castiñeiros. A data de construción do edificio sitúase no século XIX e o seu fundador foi o cóengo D. Xoán Martínez. O pazo é un edificio de planta cuadrangular con patio interior e está construído en perpiaños ben labrados e de excelente calidade. A porta principal comunica co patio a través dun vestíbulo e este patio, na primeira planta, conta cunha solaina precedida dunha escada de dous tramos. No interior atopámonos con dúas plantas separadas por unha imposta que presentan unha gran regularidade no seu conxunto. O pazo ten unha capela separada da casa dedicada a San Xoán.

CAPELA E PENEDO DE SANTA XUSTA

A Capela da Santa Xusta, cuxos primeiros datos escritos coñecidos datan de finais do S.XVII, está situada no centro da aldea do mesmo nome. A ermida, que está construída con restos doutro edificio máis antigo, é de boa cantería e está orientada cara o sur. A fachada está coroada cunha espadana que acolle unha campá e nela ábrese a única porta acubillada nun arco de medio punto.
O Penedo, procede dun culto pagán dedicado á auga, atópase no medio dun monte preto da ermida. É unha rocha coroada por unha cruz e que no seu pé leva unha inscrición onde se le “Santa Xusta 1846”. No seu interior ten “marmitas de xigante” froito da erosión eólica que se manteñen cheas de auga ao longo do ano a cal segundo a crenza popular ten propiedades de curación auditiva.
A romaría popular en honor á Santa celébrase o día 19 de xullo.

Deja un comentario