Nogueira

Nogueira atópase na parte oeste do concello de Nogueira de Ramuín, lindando coas parroquias de A Carballeira, Viñoas, Luintra, Armaríz e Faramontaos.

Fontefría, Fontes, Lamaforcada, Liñares, Nogueira e Pacios son as aldeas que a compoñen.

Aínda que o nome da parroquia é San Martiño de Nogueira, as festas patronais que se celebran son as do San Vitoiro o día 28 de agosto. Do mesmo xeito tamén se celebran as festas do Santo Antón na aldea de Fontefría o 13 de xuño.

SAN MARTIÑO DE NOGUEIRA

A igrexa de San Martiño de Nogueira é unha fermosa construción de forte gusto rústico. Nela prepondera o estílo románico polo que, aínda que non está documentado, poderíase datar a súa construcción na segunda metade do século XII.

O edificio presenta dúas portadas románicas unha na fachada principal e outra no muro norte.

A porta da fachada principal está composta por unha triple arcada apoiada en ménsulas corridas e soportadas por dous pares de columnas con capiteis decorados, uns con motivos florais de follas de acanto e outros de tipo antropomorfos entrelazados.

A portada lateral presenta dúas arquivoltas, a interior moldurada e lisa e a exteior con molduras de forma de escocia de dous arcos. As arcadas van soportadas por dous pares de columnas con capiteis de follas de acanto sen basas.

A estructura da igrexa posúe un carácter robusto que se ve suavizado coa espadana que foi un engadido posterior.

Deja un comentario