VECIÑ@S ILUSTRES: ARTURO GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

Arturo González Rodríguez (Vigo, 1902- Madrid, 1986) naceu en Vigo no seo dunha familia de Espartedo na parroquia de Rubiacós no concello de Nogueira de Ramuín.

Debido ás dificultades polas que pasaba a súa familia emigrou moi novo a Portugal.

De regreso a Galicia comezou a traballar na representación de automóbiles de varias marcas ata establecer posteriormente unha liña de autobuses entre Ourense e Parada do Sil.

Nos anos corenta vende a liña de autobuses á empresa Barreiros e marcha a Madrid como apoderado xeral do seu irmán Cesáreo en Suevia Films.

Traballa a carón do seu irmán e incluso da os seus primeiros pasos como produtor independente con Llama Films, empresa coa que leva adiante Un fantasma llamado amor e Héroes del aire de Ramón Torrado.

A mediados dos sesenta inicia unha serie de producións, entre as que destaca La muerte tenía un precio de Sergio Leone, que lle van levar, tras o falecemento do seu irmán, a independizarse.

En 1967 crea Regia Films. Nesta nova traxectoria vaise atopar cunha auténtica mina (o cantante e actor Manolo Escobar) co que tivo o acerto de contratalo en exclusiva.

Por outra banda, Arturo tamén estableceu algúns vínculos comerciais con Hispanoamérica, sobre todo con México. Así como, tamén tivo a representación durante un lustro da casa Centrury Fox.

O cinema que produciu ao longo destes anos continuou o camiño iniciado polo seu irmán, entre o que destacan sobre todo comedias ao servizo de estrelas como Manolo Escobar, aínda que tamén participou en películas de terror, aventuras e dramas.

A principios dos oitenta abandonou definitivamente a produción mantendo como distribuidora Regia Films ata o seu pasamento ocorrido o 3 de setembro de 1986.

regia-films-1

el_padre_manolo-407545870-large

VECIÑ@S ILUSTRES: CESÁREO GONZÁLEZ RODRÍGUEZ

Cesáreo_González

Cesáreo Gónzalez Rodríguez (Vigo, 1903 – Madrid, 1968) naceu no seo dunha familia de Espartedo na parroquia de Rubiacós no concello de Nogueira de Ramuín.

De mozo emigra a Cuba onde se gaña a vida como vendedor ambulante. Posteriormente instalase en México para traballar nunha panadería propiedade dun tío seu da que pronto se fai cargo, supoñéndolle unha fonte de ingresos que lle permite casar cunha curmá e regresar á súa cidade natal.

Instalado novamente en Vigo a principios dos anos trinta, comeza a súa actividade empresarial á fronte de diversos negocios, como un concesionario da Citröen e a cafetería Savoy.

En 1935 ocupa a presidencia do Real Club Celta de Vigo.

Mais onde realmente vai desenvolver toda a súa capacidade empresarial será no mundo do cinema. Cesáreo, contando sempre co inestimábel apoio do seu irmán Arturo, foi o fundador e artífice de Suevia Films, produtora que o converteu nunha das personaxes máis salientábeis dos anos corenta, para asumir un papel de protagonista indiscutíbel na década seguinte.

As primeiras producións de Suevia Films foron, sobre todo, películas de consumo protagonizadas por estrelas da época como Lola Flores, Paquita Rico ou Carmen Sevilla. Mais tamén mantivo nos seus filmes lazos coa súa Galicia natal, tanto polo ambiente galego que posuían como por dar oportunidade a directores e interpretes galegos, con títulos como Botón de Ancla, Sabela de Cambados ou El pórtico de la Gloria.

Cesáreo González

Desde finais dos cincuenta González aproveitará o tirón dos nenos prodixio como Joselito e Marisol para facer un cinema comercial de consumo masivo, mais tamén apostará por novos talentos na realización como Luis García Berlanga, Juan Antonio Bardem ou Miguel Picazo.

González, sempre tentando abrir novos camiños, iniciou unha serie de contactos con outros países, sobre todo no continente americano o que lle levou a facer numerosas coproducións que o converteron no produtor español máis internacional.