ENTREVISTA AO TENIENTE ALCALDE SOBRE «TURISMO FLUVIAL E NATUREZA» en Nogueira de Ramuín

O pasado xoves o Teniente Alcalde de Nogueira, Raúl Soto, participou nunha interesante entrevista no programa «La Ventana de Ourense» de Radio Ourense Cadena Ser impulsado polo Polígono Virtual de Galicia sobre «Turismo de natureza e fluvial» xunto cos Alcaldes de Parada de Sil e Castrelo de Miño, Francisco Majide e Xurxo Rodríguez, coincidindo coa declaración do Concello de Parada como «municipio de interese turístico galego» pola Xunta, unha condición coa que xa contaba Nogueira de Ramuín. Os dous concellos, como xa sabedes, forman parte do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e comparten a nivel turístico bastantes puntos fortes en común.

No que respecta a Nogueira, o Teniente Alcalde salientou na entrevista as «dúas xoias» turísticas coas que contamos no Concello como son o Parador de Santo Estevo e o catamarán do Sil. En canto ao uso das tecnoloxías para a captación de novos turistas, Raúl Soto recoñeceu que nese ámbito, o Concello está bastante «floxo» (sobre todo en comparación cos outros concellos). Simplemente «contamos coa Oficina Virtual do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra (que é tamén cousa dos demáis municipios do Consorcio) que moita xente nin sabe da súa situación, nin existencia, nin como se usa» segundo dixo. En canto aos proxectos de futuro, resaltou que habería que dar a coñecer e manter esta Oficina Virtual, e apoiou a idea que propuxo o Alcalde de Parada de traballar de forma conxunta para facer do catamarán como un autobús turístico con paradas, que permitan que as experiencias queden nos establecementos da zona. O teniente alcalde dixo ademáis que él «nota que a xente ven, e en dous horas pode marchar tranquilamente». De maneira que, o importante para Concello agora sería «potenciar as 3-4 cousas que temos e darlles contido».

Os representantes políticos dos tres Concellos coincidiron ademáis en que as novas tecnoloxías son CLAVE para o turismo das distintas zonas, sobre todo no caso de Nogueira e Parada tendo en conta a aposta que se está a levar a cabo en ambos lugares pola declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

Como opinión persoal de ADN, vista e escoitada a entrevista, dicir que, polo que a nós respecta, pensamos que hai moitas máis cousas no Concello que 3 ou 4 dignas de ter en conta, e que poderían ser un reclamo turístico importante para Nogueira. Coincidimos eso sí na idea de que, é totalmente necesario apostar polo uso de novas tecnoloxías e colaborar con outros Concellos coma neste caso o veciño de Parada para impulsar conxuntamente o turismo da zona.

E vós, ¿ Qué opinades do Turismo en Nogueira? ¿Qué cousas credes que se poden mellorar neste ámbito?

Deixámosvos eiquí o vídeo da entrevista para que poidades valorar e dar a  vosa opinión: